Saturday 04 de May de 2024

Luz verde do pleno da Mancomunidade para continuar co plan de promoción da lingua galega


Demanda da Xunta de Galicia unha aportación dalgo máis de 10000 € para manter o Servizo de Normalización Lingüística que se leva desenvolvendo dende o 2013

O pleno da Mancomunidade de Ordes correspondente ao mes de maio acordou solicitar da Consellería de Cultura financiamento para o mantemento do Servizo de Normalización Lingüística, por un importe de 10.300 €. Unha medida contemplada no Diario Oficial de Galcia do pasado 2 de maio e que contribúe coa necesidade de consolidar o papel normalizador das corporacións locais por medio da xeneralización do uso do galego como principal lingua de traballo e comunicación cos seus administrados.
Dende o ano 2013 a Mancomunidade de Ordes dispón deste departamento dotado cunha filóliga e dende o que se prestan distintos servizos. Estes pasan por planificar, xestionar, executar e avaliar medidas e accións co obxectivo de incrementar o uso da lingua galega en todos os ámbitos de actuación da organización, tanto interna como externamente. Actividades lúdicas, cursos de formación dirixidos a diversos sectores poboacionais de cara á obtención de titulacións CELGA, celebración de xornadas temáticas e eventos conmemorativos, posta en marcha de obradoiros de aprendizaxe tanto no ámbito académico como noutros, supervisión da comunicación institucional dos membros da Mancomunidade nos distintos soportes etc, son algunhas das funcións que se desenvolven ao longo de todo o ano.